Aviso:

[Pechar}



Imaxes con Fondo

Creando conciencia social coas imaxes e as palabras

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade botou a andar en 2012 o concurso Imaxes con Fondo como ferramenta para promover a reflexión e un cambio de actitude na cidadanía, apostando por condutas solidarias e respectuosas coa contorna do planeta e coas persoas que nel habitan.

Froito desta experiencia naceu a exposición itinerante 'Imaxes con Fondo' coas mellores obras presentadas, grazas á colaboración desinteresada das e dos participantes no certame. O gañador da primeira edición na categoría de persoas adultas, Rober Amado, viaxaría a Cabo Verde para realizar unha mostra fotográfica sobre os 11 anos de traballo do Fondo Galego no arquipélago africano, inaugurada en decembro no marco da Irmandade Galicia-Cabo Verde.

No ano 2014  volveuse convocar o concurso, e neste caso foi o fotoxornalista Felipe Carnotto quen se desprazou aos proxectos do Fondo Galego en Nicaragua, onde recolleu nunha nova exposición a vida cotiá, as paisaxes, as problemáticas, os soños e as esperanzas da poboación. De xeito paralelo, co fin de promover a participación e a reflexión sobre as imaxes e as palabras, organizáronse aulas maxistrais de fotografía social impartidas por Gabriel Tizón e obradoiros.

En 2016 ábrese a terceira edición do certame Imaxes con Fondo, con novidades como a sección de vídeo que se suma á habitual de fotografía e coa interculturalidade como temática central. O prazo para presentar obras a concurso prolongarase ata o 15 de novembro. Neste tempo, dez concellos socios do Fondo Galego acollerán obradoiros de fotografía social. Ademais, a través do evento en Facebook achegaremos posibles ideas, reflexionaremos sobre o papel da fotografía e o audiovisual e resolveremos calquera dúbida que nos chegue.

Participa e demostra que un mundo máis igualitario, xusto e en paz é posible! As boas ideas teñen premio!

Imaxes con Fondo 2016

*Podes descargar as bases íntegras ao pé desta páxina; presentamos a seguir os aspectos máis relevantes.

- Poderán presentarse todas as persoas interesadas, de 14 anos en diante, de calquera nacionalidade e residentes ou con lugar de nacemento en Galicia.

- Haberá dúas seccións (fotografía e vídeo) con dúas categorías en cada unha:

  • Xuvenil: dos 14 aos 17 anos.
  • Adulta: dos 18 anos en adiante.

- Os traballos deberán axustarse á temática da interculturalidade, entendida nun sentido amplo. Deste xeito, poderán achegarse traballos fotográficos e audiovisuais que, entre outros:

  • Poñan en valor os aspectos positivos da mestura entre nacionalidades, etnias, culturas, etc.
  • Denuncien a discriminación de grupos pertencentes a culturas diferentes á dominante.
  • Promovan o respecto á diversidade e mais o diálogo e a convivencia entre culturas.
  • Revelen as auténticas causas de conflitos que adoitan presentarse como choques culturais.
  • Desmonten estereotipos sobre as persoas doutras nacionalidades, etnias, culturas, etc.
  • Contrarresten os discursos dos medios de comunicación hexemónicos ao respecto.
  • Amosen a acollida ou outras actividades solidarias coas persoas migrantes ou refuxiadas.
  • Amosen mobilizacións e accións reivindicativas a prol das persoas migrantes ou refuxiadas.

- Haberá tres premios por categoría, en cada unha das dúas seccións:

  • Para a categoría xuvenil:

1º Premio: Cámara de fotografía/vídeo.
2º Premio: Cesta de produtos de comercio xusto.
3º Premio: Lote de películas de temática social.

Cómpre destacar aquí a colaboración especial do Concello de Oleiros, que regalará unha colección de libros do concurso de fotografía Revela aos centros de ensino aos que pertenza o alumnado premiado. 

  • Para a categoría de persoas adultas:

1º Premio. Viaxe a Mozambique para realizar un traballo fotográfico/audiovisual da man das entidades parceiras no país. Terá lugar en 2017 e prolongarase entre 15 e 30 días. O uso das obras quedará cedido ao Fondo Galego, que poderá empregalas para realizar calquera actividade sen fins lucrativos, citando sempre ao/á autor/a.
2º Premio: Cesta de produtos de comercio xusto.
3º Premio: Lote de películas de temática social.

- As persoas interesadas teñen de prazo ata o 15 de novembro para presentar as obras e demais documentos requiridos nas bases a través do enderezo imaxesconfondo@gmail.com. Para máis información pódese contactar no mesmo correo electrónico ou no teléfono 986 843 436.

Para a elaboración das bases do concurso  no 2012 contamos co apoio de diferentes colectivos vinculados ao mundo da fotografía e aos que agradecemos que arrancaran este camiño con nós: Asociación de reporteiros solidarios (AGARESO), Asociación Provincial de Fotógrafos de Pontevedra, Asociación Provincial de Fotógrafos de Lugo, Agrupación Fotográfica Galega e Asociación Fotográfica 'Os Negativos'.
 

Bases do concurso Folleto do concurso
Anexo información requirida Cartaz do concurso
Anexo certificacións Banner
Autorización menores Banner 300x400


 

Imaxes con Fondo